6.9.17


O Club Ourense Voleibol entra en Primeira Nacional con nova imaxe

O equipo portará un novo logo esta temporada, tras máis de 20 anos co mesmo escudo, para celebrar o seu ascenso
O novo logo contén dúas pelotas de Voleibol e no centro a Ponte Romana. // Foto: Carlos Asensio.
O Club Ourense Voleibol estrea nova imaxe. As rapazas de Pablo Pérez locían hoxe, 6 de setembro, as novas camisetas coas cores do club: branco e azul. O propio adestrador comentou que “dende 1993 tiñamos a mesma imaxe”. O motivo deste cambio de imaxe, comentou o adestrador, non é outro que “celebrar o ascenso a Primeira División Nacional”.
No novo logotipo aparecen representadas esas cores oficiais (azul e branca) “que son as que levamos portando dende a formación do Club” e inclúense dúas pelotas de Voleibol e a Ponte Romana “como símbolo da nosa cidade”, explicou Pérez.
Xogadoras portando a camiseta branca do equipo. // Foto: Carlos Asensio.
Estas rapazas fixeron unha excelente temporada xa que conseguiron ese desexado ascenso. Pablo Pérez contou que foi “moi impresionante ver o pavillón con 500 persoas apoiándonos” e asegurou que a ledicia foi maior dado que que estas rapazas do equipo “sénior” comezaron dende pequenas no Club. Actualmente, en todo o club, teñen unhas 120 licenzas ao ano. Pero o seu obxectivo, a través destas promocións, “é conseguir que este deporte minoritario se vexa un pouco máis”
Tres xogadoras coa camiseta de cor azul, tamén representativa do equipo. // Foto: Carlos Asensio.
O que está claro é que a calidade destas rapazas é boa cando dende o Centro Comercial Ponte Vella “incrementamos a nosa colaboración co club”, asegurou o xerente da superficie, Marcos Vila. Así, este centro comercial colabora tamén co Club Ourense Voleibol no póster do equipo “que se vai presentar o próximo 30 de setembro cunha festa no Centro Comercial, na planta baixa, onde instalaremos unha pequena pista de Voleibol”, anunciou Vila.
O que está claro é que estas rapazas son unhas deportistas de excelencia e a calidade é suprema, e dende o xornal O Sil desexámoslles unha boa temporada nesta Primeira División.
Texto: Carlos Asensio. 

No hay comentarios: